Pues una de esas personas, de mirada clara y sonrisa tímida e irónica, una amiga que "atopei" en mi primera salida con "O sorriso de Daniel", acaba de hacerme un tremendo regalo.
Ella escribe artículos de opinión, entre otras muchas actividades literarias, docentes, sociales y familiares.
Y recordando una anécdota de aquel inolvidable evento, ha escrito esto. Espero que os guste.
Para mi es todo un honor. Gracias Mariña.
MEMORIA ROMÁNICA EN PESQUEIRAS
Arte, maxia, teatro, máscaras. Escenografía galega. Entre
o mito e o ritual. A ilusión ancestral de reproducir o que se desexa, darlle
forma, cor e corpo a aquilo que mellor nos representa. Se o pinto tal vez o
posúa. A teatralidade fronte á morte e a desaparición.
Que a xente dun lugar recupere o seu patrimonio
desaparecido non ten un valor ponderable. Sucedeu en Chantada coma unha sorte
de milagre que podía terse producido en calquera outra igrexa románica
abandonada no noso territorio. O mosteiro de Pesqueiras estaba mutilado tras a
desaparición da súa virxe hierática e sedente, talla totalmente románica que
faltou misteriosamente, ao igual ca unha pía bautismal. Non imos abondar na
desaparición do noso patrimonio. Imos falar da súa recuperación, entre posible,
parcial, evocadora e milagreira.
A artista Ana Sastre reproduce tallas de virxes románicas
en pasta de papel, apoiándose en fotografías e en continuas visitas a espazos
privilexiados para coñecer de primeira man a ollada destas virxes. Non só dá
vida a tallas desaparecidas, irrecuperables nalgúns casos, senón que tamén lles
dá visibilidade a aquelas que non están expostas á visita do público.
É un exemplo de teatralidade viva. Ten a mesma orixe cás
pinturas dos bisontes nas paredes da cova. Se o imaxino, é posible dotalo de
vida. Está presente en toda a imaxinería relixiosa. Coma un belén vivente ou un
paso de procesión.
O curioso e anecdótico desta virxe de Pesqueiras, tras a
súa reprodución por parte da artista, o que realmente lle confire un valor
excepcional é a posterior reacción popular. Durante aquel acto de entrega da
talla nova á igrexa, a xente que lembraba aínda a auténtica acabou murmurando
extasiada que xa aparecera de novo a súa virxe; é dicir, viviron a aparición da
imitación coma se se tratase dun feito real e non dunha escena teatral por
todos convida e para todos explícita.
Nesa confusión realidade- teatralidade está o cerne do
asunto, o que lle dá un aire case surrealista ao episodio. Porque a primeira
recuperación ten que pasar inexorablemente pola memoria e pola posta en valor
fronte a calquera signo de esquecemento.
O contento dos patrucios do lugar por recuperar, aínda
que só fose en imaxe copiada, a súa virxe auténtica espoliada, engade unha
autenticidade ao traballo artístico de Ana Sastre e xungue dalgunha maneira ás
novas xeracións coas máis antigas ao darlle vitalidade a ese símbolo do
románico de Pesqueiras.
Virxes románicas sedentes, co neno, coa mula, abrideiras,
preñadas ou paridas, rostros femininos que cos seus ollos enormes, case
desmesurados, insinúan outra posibilidade de VER. Dalgunha maneira tamén son
eco do que sufriron as mulleres ao longo da súa historia; tallas que foron
espoliadas, mutiladas, maltratadas, afastadas do seu lugar de orixe e do espazo
preeminente que lles correspondería ocupar no altar.
Representan a imposibilidade da contemplación popular da arte
fronte ao valor comercial dos obxectos. Paradoxalmente é a memoria colectiva
que evocan as réplicas o que achega neste intre a verdadeira dimensión dunha
realidade invisibilizada ou escachada que nos pertence.
Mariña Pérez Rei.
No hay comentarios:
Publicar un comentario